Monday 06 de May de 2024

A Xunta de Galicia destina preto de 300.000 euros para o funcionamento do comedor social da Cociña Económica da Coruña


― O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a entidade afincada na cidade herculina

― Ademais visitou a Casa de Acollida de Mulleres sen teito de Santa Lucía, á que a Xunta de Galicia destinou na última convocatoria de entidades 2020-2022 máis de 95.000 euros

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a Cocina Económica de A Coruña, onde puxo en valor o indispensable labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan no coidado das persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade. Especialmente neste último ano de pandemia, no que estas organizacións tiveron que facer fronte a unha situación sen precedentes. A xunta de Galicia na última convocatoria de entidades 2020-2022 achegou máis de 293.000 euros para esta cociña económica. Este investimento destinouse ao funcionamento do comedor social e á súa reforma, tanto do tellado do comedor, como das dependencias do interior ou da fachada exterior.

Arturo Parrado acompañado do presidente da entidade, Xacinto Torres Fraga, fixo un percorrido polas instalacións, onde puido ver a cociña, o comedor social, a lavandaría e as duchas e tamén coñecer o centro de lecer e a zona de encontros, nos que os usuarios poden compartir o seu tempo e realizar diferentes actividades de ocio.

Visita ó Fogar de Santa Lucía
O director xeral de Inclusión Social tamén visitou a Casa de Acollida Básica de Mulleres sen teito de Santa Lucía. Alí, mantivo unha reunión coa directora, Rocío Barros, para falar sobre o traballo que desenvolve a entidade e os recursos e as dificultades do centro. Ademais, aproveitou a visita para ver as instalacións do fogar, percorrendo a cociña, o comedor, a sala común ou as zonas onde se desenvolven os obradoiros. O Goberno galego, achegou ao Fogar de Santa Lucía na última convocatoria de axudas do 2020-2022 máis de 95.000 euros para o centro de acollida e para reformar a fachada do fogar.

Durante a visita o representante autonómico destacou que o Goberno galego procura axudar ás persoas máis vulnerables a realizar o seu proxecto de vida e potenciar o principio de solidariedade entre toda a poboación.